segunda-feira, 21 de março de 2011

Escollo a pretérita imaxe


 A escena central na que

a integración parece posíbel

Denantes da insurrección dos apoucados

ataviados de vítimas

Non, non quero aparecer de figurante

no acto traumático, transgresor

adaptado para o cine

Si, xa sei que é perfectamente crible

a maquillaxe logra transmitir todo o

dramatismo

Mais non sinto ningún desexo de

permanencia

no decorado onde o estilista

fai unha creación inicua

na que os elementos representan

impunemente un falso altruísmo

Voume coa miña historia a outra parte

Poida que me exprese na rúa

Alí, inmigrante na propia terra

tecerei un estandarte

para enxugar as bágoas

e saír en procesión no día dos

Cristos




Cruz Martínez
 

domingo, 13 de março de 2011

12 de marzo no "Negra Sombra"

Iria Bragado, rosanegra, Cruz Martínez, Virgílio Liquito, Enrique Leirachá e Fernando Rodríguez.
En breve aparecerá un vídeo memoria do acto de onte.
Moitas grazas a tod@s por acompañarnos!!!

terça-feira, 8 de março de 2011

cento vinte e nove .


eramos iguais
grans de area
do mesmo deserto
os mesmos fíos da madeixa
para tecer unha vida
en común.
verde
verde esperanza
castelos sólidos
no chan
antes sobrevoando
o aire,
eramos iguais
no mesmo deserto
de area,
xa sei,
cento vinte e nove inocentes
xacen no teu corazón
cento vinte e nove formas
de chamar á liberación,
cento vinte e nove silencios
para aprender a berrar de novo,
cando míraste nos ollos del
desapareces
e algo no teu interior berra,
a igualdade é muller
a liberdade é muller
a vida é semente
no ventre da muller,
a palabra é feminina
e aínda somos
unha terra sometida
polo medo infantil
do home,
somos iguais
os fíos que tecen
a mesma madeixa,
os nosos pés
pisan a mesma area
sufrimos xuntos,
amamos xuntos
pero somos diferentes
o noso mundo
é o sufrimento
dos vosos designios
das vosas decisións masculinas,
somos o comodín,
o descanso do guerreiro,
a almofada, o polbeiro,
a fregona,
a directora espiritual,
o psicanálise ,
o pracer, o desafogo,
a culpabilidade.
déixame seguir tecendo
a revolución
que esta por vir,
espidos baixo a mesma choiva,
a mesma palabra.
déixame tecer a igualdade
antes de que a furia equivoca
do home me leve por diante
cando te leve a ti.
déixame tecer
cento vinte e nove maneiras
de non esvaecer.

(Un oito de marzal de 1908, cento vinte e nove mulleres traballadoras dunha fábrica téxtil manifestábanse en Nova York polos seus baixos salarios e as nefastas condicións nas que traballaban esixindo o descanso dominical, a redución da xornada a 10 horas e recibir igual salario por igual traballo que os homes. Estas morreron por causa dun incendio que provocaron as bombas que lles foron lanzadas polos patróns, en resposta á negativa das manifestantes a saír do seu encerro morrendo carbonizadas.)

Enrique Leirachá.


domingo, 6 de março de 2011