sexta-feira, 20 de agosto de 2010

fornelos pranto.

falarei en nome deles
dos que quedaron mudos
para sempre
os que non van volver
eu os chamo
imaxinando a súa dor
entre as linguas de lume
e nubes de fume
querendo vir entre nos
aínda as súas figuras
están dentro do perímetro
consolándose
lembrando un mal soño
vivir nun país desagradecido
a vida a mans cheas
como unha tea carbonizada
voando entre as muxicas
para quedaren suspendidas
para sempre sobre as lapelas
dos responsábeis deste pranto
que fale a indignación
dos que como eles
a pesares de seres apestados
coma as putas
nunca protestamos
vos que como heroes
deixachedevos quedar en fornelos
para descubrirnos
que non temos nin institucións
nin políticos
que temos en cambio
chaquetas cruzadas
sobre cadeiras e mesas bonitas
con ventas polas que ninguén
mira para ollala la lúa cando medra
que xa medran os nosos cartos
nos seus petos
fillos da gran puta!
así consolades a morte
coa vosa indiferenza
eu falarei sempre en nome deles
e aborrecerei este poder insólito
e aos que tivérono todo
e agora non teñen nada que perder
e calan
ou desdita!
cando volvan os caracois
sobre o monte queimado
volverei a maldicir a vosa desidia.

Enrique Leirachá.

1 comentário:

  1. Senón coñecera do que estas a falar diría que é duro. Máis é asi.
    Isto é o que di un Brigadista no Xornal de Galicia como nos chaman agora. no Xornal de Galicia. ¿Por certo cando seremos o que somos. BOMBEIROS FORESTAIS?. Parabéns polo poema e mais por ti.


    “A Julio e Rodrigo deixáronos sós”, di un brigadista do Seaga.
    “Coñecía a Julio” comenta un traballador forestal ao lembrar a tráxica xornada do pasado venres en Fornelos de Montes, onde faleceron os brigadistas Julio Martínez e Rodrigo Amo. Quéixase con rabia de que “se os levou o lume é porque os mandos os deixaron sós”. Segundo a súa versión, “nese momento tiñan que estar alí cinco persoas, contando o capataz”, e engade que este “marchou no todoterreo e deixounos sós” mentres “quedou apartado, máis abaixo”.
    “Faltaba xente no grupo que, insisto, ten que ser de cinco persoas, así que, onde estaban os outros dous brigadistas que terían que estar con eles? Iso demostra que alguén meteu a estes dous rapaces nun coche para apartarse do lume, levounos onde estaban e foise a outra cousa, deixándoos sen vixilancia”, cuestiona. Engade que “algo pasa, é tremendo o que ocorre nestas brigadas, é unha mafia” e insiste : “Din no retén que a estes dous compañeiros, que traballaban en Seaga, levounos alguén de mando, supostamente da Xunta. Pois hai que dicir que o fixo sen permiso, iso só o pode autorizar un axente forestal ou xefe de distrito dos que están alí previamente supervisando o terreo”.
    Triste polo recordo, tamén afirma que “Julio non tiña sete campañas de experiencia como dixeron na Xunta, senón dous, a empresa mete á xente sen saber, a calquera sitio, sen coñecer o terreo e logo menten publicamente para quedar ben e non afrontar a responsabilidade”. O brigadista, con varios anos de experiencia, lamenta que “enriba a Julio e Rodrigo, deixáronos cun material que é unha porcallada”, e aclara: “O mesmo que temos agora, cunhas máscaras que non valen para nada, non son profesionais, semellan as dos sanitarios e entra o fume, os lentes protectores son de puro plástico, rómpense e derrétense e o uniforme, cando o lavas estrágase e perde o pouco que ten de ignífugo”.

    “ESTAMOS DESPROTEXIDOS”
    Tamén conta que “fai uns días precisamente, nun dos reténs nun monte de Oia, un dos brigadistas respirou fume por culpa destas máscaras e caeu ao chan, houbo que levalo nunha ambulancia” aclara. Por iso, conclúe: “Estamos desprotexidos”. Unha circunstancia que se agrava porque “nin Seaga nin a Xunta respectan o horario laboral”. “Facemos unha morea de horas extra e tampouco as pagan, o único que nos dixeron é que nolas cambiarían por días libres, pero eses días nunca chegan”, asegura.
    Sobre unha posible solución para minimizar o risco, este profesional apunta que “a Xunta e as empresas forestais teñen que dar prácticas á xente sen experiencia”. Trátase de “dar máis formación, mellores medidas laborais e ferramentas para que suban tranquilos ao monte, dentro do que se poda, non ir tan nerviosos”, porque “a xente sobe ao monte atropelada, non sabe por onde vai nin o que ten que facer, non se pode describir, non teño palabras”, afirma. Di que “moitos días” aínda está traballando “moito tempo despois da hora de saír”. E do tema político “non se pode nin falar”, advirte. “Entre outras cousas se non es do mesmo partido que está na Xunta nin se che ocorra presentarte para un traballo, en fin, é un tema moi delicado que empeora coa imaxe pública que dan os políticos, que non contan connosco nin sequera para opinar, é un asco”, critica.
    (Recollido do Xornal de Galicia de hoxe).

    ResponderEliminar